COMEZA O PROCESO PARA A ELABORACIÓN DE CANDIDATURA

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, Euroeume e Comarca de Ordes están executando o proxecto de cooperación “REDE DE ESPACIOS AMBIENTALMENTE COMPETITIVOS: CARACTERIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL PARA IMPULSAR A COMPETITIVIDADE DAS ACTIVIDADES E PRODUTOS ASOCIADOS”, proxecto financiado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño correspondente á convocatoria do ano 2009.

No ámbito deste proxecto, foi contratado á Universidade de Santiago de Compostela unha asistencia técnica, para identificar os recursos ambientais nos territorios de actuación, avaliar a viabilidade dunha declaración como Reserva de Biosfera e definir estratexias de valorización ambiental en cada territorio.

Froito deste proxecto, se ten decidido polos distintos GDR participantes continuar traballando nunha candidatura a Reserva de Biosfera.

Hai que destacar que este proceso de formulación debe contar coa implicación e participación dos distintos axentes locais (concellos, asociacións, técnicos, empresas, etc.), así como de expertos, organizándose nunha Comisión Xestora e un Grupo Técnico de traballo.

O feito de traballar conxuntamente a nivel dos Grupos de Desenvolvemento Rural, polo feito de ser organizacións que conxugan intereses públicos e privados, facilitará aglutinar intereses, acompañar o proceso e asegurar a participación, aproveitando as sinerxias co Programa LEADER de desenvolvemento rural.

A poboación local debe estar involucrada neste proceso, por iso a presentación pública deste proxecto, os distintos foros, así coma a utilización de ferramentas que as novas tecnoloxías nos achegan deben de servir coma canle de comunicación e participación para os poboadores do territorio, beneficiarios últimos deste proxecto.

Quédanos por diante un excitante e intenso traballo entre todos e todas nesta candidatura a Reserva de Biosfera da UNESCO, que busca conxugar a protección da natureza co desenvolvemento sostible dos nosos territorios, sendo sabedores de que é un proceso lento e non exento de atrancos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario